A NOSA HISTORIA

Antes de que Roma trazase rúas e levantase murallas, estas terras xa estaban habitadas por poboados castrexos que vixiaban os vales dende os altos.

Cando chegaron as lexións, non atoparon un espazo baleiro, senón un territorio xa organizado, onde dous mundos comezaron a superpoñerse: o das antigas fortificacións de pedra e o da nova cidade romana que acabaría chamándose Lvcvs Avgvsti.

O legado vivo da cidade máis antiga de Galicia

Lugo ostenta o título de ser a cidade máis antiga de Galicia, cunha historia que supera os dous mil anos. Antes da chegada das lexións de Roma, este lugar xa era un asentamento castrexo (un antigo castro) estratexicamente situado nun alto sobre o río Miño. A orixe do nome de Lugo vincúlase tradicionalmente á palabra latina lucus (bosque sagrado) ou á deidade celta Lugus.

Foi no ano 14 a.C. cando, baixo o mandato de Augusto, Paulo Fabio Máximo fundou a cidade como un asentamento militar baixo o nome de Lvcvs Avgvsti. Non foi unha fundación menor; naceu como un centro de poder clave para organizar o extremo occidental do imperio e controlar riquezas como o ouro de Las Médulas.

Durante a dominación romana, a cidade alcanzou unha gran sofisticación urbana, visible hoxe en restos como as termas públicas, a Domus do Mitreo, os mosaicos, a cloaca ou a ponte romana. Grazas á súa posición estratéxica, Lvcvs Avgvsti consolidouse como unha das principais capitais administrativas da Gallaecia.

No século III d.C., ante a incerteza da época, a cidade rodeouse da súa gran Muralla Romana. Esta fortificación de máis de dous quilómetros de pedra non só foi un símbolo de defensa, senón tamén de continuidade, permitindo que a cidade permanecese en pé tras a caída de Roma.

Co fin do Imperio, Lugo mantivo o seu protagonismo ao converterse nun núcleo fundamental do Reino Suevo e nun destacado centro relixioso. 

Nesta época, a cidade foi escenario de importantes fitos, como o apoio ao exército de Ramiro I e a súa consolidación como punto clave do Camiño Primitivo tras o auxe do culto ao Apóstolo Santiago. As súas murallas ofreceron refuxio constante ante ameazas externas, como as incursións de Almanzor.

A Baixa Idade Media estivo marcada por disputas de poder entre nobres, bispos e reis, dando lugar a lendas de resistencia popular como a de María Castaña. Tras superar séculos de certa decadencia, Lugo renaceu con forza no século XVIII impulsada polas feiras de San Froilán, converténdose nun centro agrario e comercial que se reforzaría máis tarde coa chegada do ferrocarril e a industrialización.

Hoxe, Lugo é unha cidade moderna e acolledora que soubo integrar o seu pasado de forma natural na súa evolución urbana. A súa Muralla, única no mundo por conservarse completa, foi declarada Patrimonio Mundial pola UNESCO no ano 2000. A historia da cidade non é un recordo estático, senón unha memoria viva que se celebra en eventos como o Arde Lucus, demostrando que Lugo segue latexando coa mesma forza que hai dous milenios

A cidade dos tres Patrimonios da Humanidade

Lugo é unha cidade singular por reunir nun mesmo espazo urbano tres bens recoñecidos como Patrimonio Mundial pola UNESCO, un feito que reforza o seu posicionamento internacional. A este valor excepcional súmase un amplo patrimonio histórico, artístico e urbano que se manifesta no seu casco histórico, na súa arquitectura de distintas épocas e na convivencia entre cidade, paisaxe e vida cotiá.

Métade do século III

Muralla Romana

Cando os tempos cambiaron e o Imperio deixou de ser seguro, Lvcvs Avgvsti decidiu protexerse.

Entre finais do século III e comezos do IV ergueuse a súa muralla, probablemente baixo o mandato do emperador Diocleciano: máis de dous quilómetros de pedra que rodeaban a cidade con precisión e forza. Torres semicirculares —máis de oitenta—, muros de gran espesor e portas estratéxicas configuraron unha defensa pensada para resistir e perdurar.

Co paso dos séculos, perdeu a súa función militar, pero nunca desapareceu. A cidade medrou máis alá dela, e mesmo se abriron novas portas en épocas posteriores, mais o seu perímetro mantívose completo, algo único no mundo romano. O feito de que nunca fose abandonada nin desmantelada explica o seu extraordinario estado de conservación. Por iso foi recoñecida como Patrimonio da Humanidade no ano 2000 pola UNESCO.

Máis de dous mil anos despois, a Muralla Romana de Lugo é hoxe moito máis que un monumento: é un espazo vivido, totalmente transitable a través do seu adarve e percorrido a diario, plenamente integrado na vida cotiá das lucenses e dos lucenses.

Século XXII

Catedral de Santa María

No corazón da cidade, moi preto da muralla, a Catedral de Santa María de Lugo foi medrando ao longo dos séculos, como se fose unha historia escrita en pedra. A súa construción comezou en 1129 como un templo románico, pero o tempo foi deixando pegada nela: elementos góticos, barrocos e neoclásicos mestúranse hoxe nun conxunto único que reflicte a evolución da cidade e da súa fe. A primitiva fachada gótica, levantada na Idade Media, desapareceu en gran medida tras as reformas levadas a cabo nos séculos XVII e XVIII, cando se optou por unha nova fachada de estilo neoclásico acorde cos gustos da época, o que transformou notablemente o seu aspecto exterior.

No seu interior consérvanse algúns dos seus trazos máis antigos, como a porta norte románica, mentres que espazos como a capela da Virxe dos Ollos Grandes ou o claustro amosan a riqueza artística de épocas posteriores. Pero hai algo que a fai verdadeiramente singular: é a única catedral do mundo onde o Santísimo Sacramento permanece exposto de forma permanente, un privilexio concedido no século XVII. Esta tradición, coñecida como exposición perpetua, deu lugar tamén a prácticas de adoración continua, tanto diúrna como nocturna, profundamente enraizadas na vida relixiosa da cidade.

Catedral de Santa María
Camiño Primitivo do Camiño de Santiago

Século IX

O camiño primitivo

Antes de que existisen grandes rutas sinaladas, houbo un primeiro camiño. O Camiño Primitivo nace no século IX, cando o rei Alfonso II de Asturias emprendeu viaxe desde Oviedo para comprobar o achado da tumba do Apóstolo en Santiago de Compostela.

Atravesando montañas e vales, esta ruta conserva un carácter máis fiel ás súas orixes: menos transitada, máis esixente e profundamente ligada ao territorio. Co avance do antigo reino cara ao sur durante a Reconquista, os centros de poder foron desprazándose e xurdiron rutas máis accesibles e seguras, como o Camiño Francés. Isto provocou que o Camiño Primitivo fose perdendo relevancia e non sería ata finais do século XX cando comezaría a ser recuperado e posto en valor como itinerario histórico.

No ano 2015, o Camiño Primitivo foi recoñecido como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. O itinerario xacobeo máis antigo atravesa Lugo e reforza o seu papel como punto clave dentro da rede de camiños a Santiago, conectando a cidade cunha tradición de peregrinación plenamente integrada no espazo urbano. Ademais, Lugo sitúase aproximadamente a 100 km de Santiago de Compostela, converténdose nun dos puntos habituais de inicio para os peregrinos que desexan obter a Compostela.

O patrimonio cultural e romano de Lugo convive tamén coa súa riqueza natural. Os ríos Miño e Rato rodean a cidade e forman parte do Cinturón Verde, permitido percorrer sendeiros e rutas onde gozar da calma, do aire libre e da biodiversidade. Este entorno privilexiado sitúa Lugo nun contexto único, ao formar parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño, un recoñecemento internacional que distingue á cidade como a única capital ibérica incluída nesta distinción da UNESCO.

Aquí atópanse tres camiños que atravesan a cidade e conectan Lugo coa súa historia e o seu contorno: o Camiño Primitivo de Santiago (Patrimonio Mundial da UNESCO), que convida a vivir a cidade desde a perspectiva do peregrino; a Vía XIX, a antiga calzada romana que unía Lugo con outros enclaves da Gallaecia; e a Vía Künig, un itinerario histórico de finais do século XV que conecta Santiago de Compostela con Lugo.

Ao longo destes percorridos descóbrense espazos de natureza integrada na cidade, así como vestixios históricos como as termas romanas ao pé do Miño, que lembran a relación ancestral entre a auga, a historia e a cidade.

Ponte Romana de Lugo

Mapa interactivo

Neste espazo atoparás desde os campamentos e puntos clave do Arde Lvcvs, ata os monumentos milenarios que gardan a esencia de Lvcvs Avgvsti.

Ubícate no mapa, cruza a Muralla e non perdas nin un só recuncho do noso pasado!