Fondo de la web Logotipo Arde Lucus Logotipo Concello de Lugo
Listado de los idiomas
       
"Saxa e Gloria", de Marieta Orol Chao, gaña o concurso do cartel do Arde Lvcvs MMXXV

02-05-2025

O cartel titulado "Saxa e Gloria", obra de Marieta Orol Chao, foi elixido como a imaxe oficial do Arde Lvcvs MMXXV, a festa histórica lucense que rememora o pasado romano e castrexo da nosa cidade.

O premio de deseño gráfico contou este ano cunha destacada participación de 60 propostas presentadas por artistas e deseñadores. O proceso de selección desenvolveuse en dúas fases. Na primeira etapa, a cidadanía puido participar mediante votación popular, exercendo o seu dereito a elixir entre os carteis preseleccionados. Na segunda fase, un xurado profesional foi o encargado de tomar a decisión final entre os deseños máis votados e descartar aqueles que non se axustaban ás bases do premio.

O xurado estivo composto por Ramón Cabarcos, director da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón; Enrique González, arqueólogo do Concello de Lugo; e Christian Gutiérrez, deseñador gráfico.

Tras unha deliberación baseada en criterios de creatividade, adecuación temática e calidade estética, o xurado decantouse por "Saxa e Gloria", de Marieta Orol Chao. Esta obra representa con forza e simbolismo a festa do Arde Lvcvs.

Con este cartel, Marieta Orol súmase ao elenco de deseñadores que deixaron a súa pegada na imaxe desta festa, unha cita cultural que ano tras ano converte Lugo nun escenario vivo da súa herdanza romana e castrexa, e que se celebrará os vindeiros 12, 13, 14 e 15 de xuño.

A creatividade e o talento que cada ano axudan a dar forma visual a unha das celebracións culturais máis representativas da cidade, xunto coa participación das obras presentadas, confirman o crecemento do interese artístico arredor destas datas tan agardadas.