A Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, presentou un programa que cualificou de excepcional con máis actividades e novas propostas coas que innovar e sorprender.
Entre as novidades destacan os Xogos Píticos, unhas olimpíadas na honra do deus Apolo; espectáculos de lume e de animación na rúa e A Palestra, coa participación de clubs deportivos.
Alvarellos e Bustos deron as grazas ás asociacións de recreación histórica, aos colexios e ás empresas pola súa implicación e fixeron unha chamada á participación da cidadanía.
O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, foi o encargado de concretar o programa de actos, prestando especial atención ás novidades deste ano. Así, entre outras, chamou a atención da denominada “A Palestra”, coa participación duns 200 nenos e nenas de clubs deportivos da cidade, “que fixeron un gran traballo de investigación e recreación histórica, para adaptar os deportes actuais ás disciplinas deportivas da época, e que se desenvolverá na recentemente renovada praza do Ferrol”.
Tamén destacou a celebración dos “Xogos Píticos, unha recreación histórica dos xogos olímpicos na honra do deus Apolo, e que levarán as carreiras de cuadrigas e cabalos e as batallas de gladiadores con armas propias da época, ata a explanada do pavillón dos deportes”. Estas olimpíadas deportivas se realizarán na zona próxima na que se desenvolve o circo romano. Precisamente, sobre este evento o concelleiro de Xuventude adiantou que toda a información ao respecto estará dispoñible a partir do día 3 na páxina web entradaslugo.es, para poder mercalas desde o día 6 de xuño.
Ademais das novidades que buscan potenciar a recreación histórica que define a esta festa, tamén haberá incorporacións ao programa dirixidas aos máis novos, o que se traduce en máis actos no Miúdo Arte, enfocado a nenos e nenas. Tamén este ano terá lugar a segunda edición de Cantando o Arde Lvcvs, coa participación de varios centros de ensino.
Ademais, Jorge Bustos chamou a atención sobre outros cambios que introduce o programa deste ano, como a recuperación dos postos de comida e restauración, que volven a formar parte da festa, como fixeron nas edicións anteriores á pandemia; novos espectáculos de lume; e a potenciación de máis actividades de animación na rúa.