O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, presentou este martes o programa do Arde Lvcvs, a festa de recreación histórica que se celebrará entre o 12 e o 15 de xuño e que este ano chega á súa vixésimo cuarta edición. O evento, recoñecido como Festa de Interese Turístico Internacional, ofrecerá máis de 320 actividades cun enfoque renovado e centrado en garantir o relevo xeracional e fomentar a participación cidadá.
Acompañado polo concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, e representantes de asociacións de recreación histórica, o rexedor definiu o programa como “excepcional, inclusivo e innovador”, e puxo en valor o traballo do persoal municipal e das entidades colaboradoras que, un ano máis, fan posible esta celebración única.
Entre as principais novidades deste ano destacan propostas orientadas ao público máis novo, como o Mivdo Arde, que terá lugar na Praza da Soidade, nun espazo exclusivo para a cativada; e o teatro infantil previsto para a tarde do domingo na Praza de Santa María. Así mesmo, incorpóranse actividades nocturnas para a mocidade, como os Ritos en honor a Baco, o venres pola noite na Praza de Santo Domingo.
No eido deportivo, Jorge Bustos subliñou a boa acollida das propostas da pasada edición, que se reforzan este ano con iniciativas como a segunda edición dos Xogos Panhelénicos, que incluirán carreiras, lanzamentos e loita na explanada do pavillón municipal, ou a recuperación da carreira nocturna polo adarve da Muralla, tamén o venres.
O alcalde resaltou a implicación de centros educativos, asociacións de recreación histórica, once delas procedentes doutras comunidades e de Portugal, e dos sectores cultural, social, comercial e deportivo, que converten o Arde Lvcvs nun motor para a cidade.