Fondo de la web Logotipo Arde Lucus Logotipo Concello de Lugo
Listado de los idiomas
       
Presentación
linea Paula Alvarellos

Alcaldesa de Lugo
linea Jorge Bustos

Concelleiro de Xuventude e Deportes
linea

ARDE LUCUS, O SOÑO DUNHA CIDADE

En xuño, cando o sol alcanza a súa máxima plenitude, as e os lucenses celebramos o retorno á nosa orixe nun evento que converte a Lugo na capital romana e castrexa por excelencia. Durante estas intensas e inesquecibles xornadas do Arde Lvcvs todas e todos os lucenses estamos chamados a gozar da nosa identidade homenaxeando a historia bimilenaria da nosa urbe e da nosa cultura.

Esta celebración, que sen excepción sentimos como propia, foi medrando grazas ao compromiso de toda unha comunidade. Grazas a todo ese traballo colectivo, acadamos que o noso evento de recreación histórica fora distinguido primeiro como Festa de Interese turístico galego,  máis tarde nacional, e por fin, o pasado ano, como Festa de Interese Turístico Internacional. 

A ilusión e implicación de todos nós nesta festa non ten precedentes a nivel social, e proba diso son as 19 asociacións de castrexos e romanos que participan nela; ou o desfile no que toman parte tamén vinte centros escolares da cidade, congregando a unhas 4.000 persoas, entre nenos, nenas, nais e pais, o que axuda a  garantir a continuidade desta gran festa e o seu relevo xeracional. Pero tampouco podemos esquecer a boa resposta do tecido produtivo lucense e a súa vontade de colaborar, o que ano tras ano permite mellorar o programa, dotalo de excelencia e garantir o éxito da que é sen dúbida a cita ineludible na nosa cidade. 

Pero desde o Concello de Lugo non nos conformamos co acadado ata agora. Por iso, nesta edición introducimos importantes novidades co obxectivo de continuar involucrando a veciñanza e ao tecido asociativo. Contamos para elo con novas actividades encamiñadas a difundir e manter viva a historia de Lucus Augusti e dos seus poboadores; con novos espectáculos de lume; con moita máis animación na rúa; cunha maior participación dos centros de ensino e con máis actividades no Miúdo Arde. 

En definitiva, un programa moi amplo, que permite gozar do Arde Lvcvs en cada recuncho de Lugo, con máis de 300 actividades para todos os públicos, prestando especial atención á recreación histórica. De feito, non é casualidade que ademais das 19 asociacións de romanos e castrexos que existen na cidade, a esta festa acudan tamén colectivos de recreación histórica de toda a Península Ibérica e parte de Europa. 

Celebremos pois o que xurdiu para conmemorar a fundación da cidade, e de forma excepcional converteuse por méritos propios na festa de exaltación do noso orgullo por Lugo, por ser lucenses e pola nosa milenaria identidade. 

Longa vida ao Arde Lvcvs e que este ano a súa chama brille máis que nunca!