O Executivo de Paula Alvarellos convoca o premio de deseño para o cartel do Arde Lvcvs 2025, que será elixido por votación popular e por un xurado experto.
O edil de Xuventude, Jorge Bustos, sinalou que as bases estarán dispoñibles a próxima semana no BOP e anima a presentar, ata o 24 de marzo, as propostas creativas.
A votación popular on-line seleccionará o 50 por cento dos carteis máis votados para que o xurado de expertos propoña o deseño gañador, que recibirá un premio de 1.900 euros.
A Casa da Xuventude acollerá o 16 de abril, a partir das 11.00 h da mañá, o acto no que se descubrirá a obra escollida para representar á festa de recreación histórica.
O Concello de Lugo convoca o premio de deseño para o cartel anunciador do Arde Lvcvs 2025, que será elixido en distintas fases a través dunha votación popular on-line e por un xurado de expertos, e cuxo gañador recibirá un premio de 1.900 euros. Así o deu a coñecer hoxe o concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, encargado da organización da festa de recreación histórica, unha vez que a Xunta de Goberno Local deu o visto bo á convocatoria de dito premio, para a edición vixésimo cuarta da festa. As propostas creativas, que deberán cumprir determinadas bases e especificacións, poderán presentarse no Rexistro Municipal ata o vindeiro día 24 de marzo. O edil Jorge Bustos animou ás e os lucenses a “presentar os seus deseños. Cremos que desde o punto de vista artístico é unha plataforma inmellorable para darse a coñecer como artista ou deseñador gráfico pola gran proxección internacional do Arde Lvcvs”.
As bases do deseño do cartel, que se publicarán a próxima semana no BOP, na Base de Datos Nacional de Subvenciones (BDNS), ademais de na páxina oficial da festa, www.ardelucus.com e na web municipal, www.concellodelugo.gal, establecen que poderá concorrer toda a poboación con traballos de formato A3 e técnica libre, presentando cantas obras considere oportunas, sendo condición indispensable que as obras sexan orixinais.
Ademais, outras especificacións fan referencia ao formato e resolución dos deseños, que deberán reflectir o espírito da festa do Arde Lvcvs, facendo especial fincapé na reconstrución histórica e na volta da cidade á época da súa fundación. Por este motivo, as propostas creativas terán que visualizar obrigatoriamente o mundo romano e castrexo, e facelo incluíndo determinados elementos, como a cor vermella, que debe ser a dominante no cartel, e un texto que faga referencia ao evento en números romanos, a súa distinción como Festa de Interese Turístico Internacional, a páxina web propia da festa, www.ardelucus.com, os logotipos das redes sociais e ás datas de celebración, é dicir, os días 12,13,14 e 15 de xuño.
Proceso de selección
Todas as propostas presentadas se publicarán nas redes sociais do Arde Lvcvs, onde se fará unha votación popular on-line que durará unha semana e na que se seleccionarán o 50 por cento dos carteis máis votados, e que pasarán a unha seguinte fase na que se someterán aos votos dos integrantes do xurado experto, integrado por persoas vinculadas coa ilustración ou o deseño gráfico ademais de cos sectores relevantes no eido da cultura e da propia celebración da festa do Arde Lucus.
Este xurado, que será quen propoña a obra gañadora cos seus votos, estará presidido polo concelleiro de Xuventude e un técnico deste servizo, ambos os dous sen voz nin voto. Os que si terán voz e voto serán os integrantes do xurado, que deberán decidir de acordo a distintos criterios como o deseño e a composición estética, a orixinalidade da obra, a creatividade e a calidade da mesa.
A Casa da Xuventude acollerá o 16 de abril, a partir das 11.00 da mañá, o acto no que se descubrirá a obra escollida para representar á festa de recreación histórica, de entre todos os carteis máis votados, que estarán expostos nas instalacións da Casa da Xuventude. Dita mostra permanecerá aberta ao público durante un mes.