Arde Lvcvs 2003
Durante a segunda edición do Arde Lvcvs xa se podía apreciar o éxito de participación e implicación da sociedade na festa. Cun programa máis elaborado, o 21 de xuño dese ano, as/os lucenses viron como a praza de Santa María se convertía na área dos xogos romanos de gladiadores e das carreiras de vigas.
Ademais, diferentes rúas e prazas do recinto amurallado acollían teatro clásico, concertos, unha cea romana con espectáculo e a “Chama Sagrada” recorría, por primeira vez, o adarve da nosa Muralla.
Neste ano foi o comezo dunha irmandade que chega ata os nosos días: os Civitas Limicorum, que conmemoran a súa orixe romana na Festa do Esquecemento, nas terras de Xinzo de Limia.
A esencia da festa xa era patente: un tempo de ocio, de espírito xuvenil, pero capaz de ofrecer un entretemento axeitado a un público de calquera idade.