Impulsa esta actuación, que conta cun investimento de 7.300€, a través do Plan de Barrios
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, supervisarán este xoves pola tarde o inicio das obras impulsadas polo Goberno a través do Plan de Barrios para o acondicionamento dunha nova área para autocaravanas na cidade, ao carón do MIHL. Cun investimento de preto de 7.300€, este espazo terá tres prazas de estacionamento cun punto de servizos.
As obras comezaron hoxe e estarán finalizadas o vindeiro venres, día 15, polo que a área estará dispoñible para as festas do Arde Lvcvs. Deste xeito, durante os días nos que estea ocupada a explanada do Pavillón Municipal dos Deportes, como ocorre durante a celebración das festas do Arde Lvcvs e o San Froilán, os usuarios poderán empregar este novo punto.
Con esta actuación, o Goberno dá resposta á demanda realizada pola Asociación Galega de Autocaravanas. A cidade contará deste xeito cun total de tres puntos para o estacionamento deste tipo de vehículos, xa que este novo súmase aos dous existentes na explanadas do Pavillón Municipal dos Deportes.
Trátase da segunda obra que o Executivo de Lara Méndez pon en marcha no marco do Plan de Barrios, tras a licitación onte mesmo da reurbanización da rúa Torre de Doncos, nas Gándaras, que conta un orzamento de 176.000€. A día de hoxe, están contempladas máis de 50 actuacións dentro do plan de investimentos específico que o Goberno incluíu nos Orzamentos para impulsar os barrios, dotado con 2,5M€.