Fondo de la web Logotipo Arde Lucus Logotipo Concello de Lugo
Listado de los idiomas
       
O vocal de Cultura da Cohors, Eduardo Fernández; o veterano membro do Senatus, Manuel Souto, e o actor cartaginés Pepe Ortas; premios Civitas Honoris do Arde Lvcvs 2024

15-06-2024

A alcaldesa de Lugo sinalou que “estes galardóns distinguen o seu gran compromiso coa festa e a súa dilatada e destacada traxectoria nas asociacións ás que pertencen”.

O integrante da Cohors destaca pola súa coidada recreación ou por impulsar o Natalicio; o membro do Senatus é o máis veterano de todas as asociacións, e o director da compañía Ditirambo leva implicado nesta cita desde os seus comezos. 

Os premiados recibiron a homenaxe no mesmo acto de recepción das tropas estranxeiras, que este ano chegaron a Lugo desde varios puntos da Península Ibérica e de Europa.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, foron os encargados de facer entrega esta mañá dos premios Civitas Honoris cos que se distingue a implicación no Arde Lvcvs. Este ano, os galardóns recoñeceron o compromiso de Eduardo Fernández Abel, o vocal de cultura e cofundador da Cohors III Lucensium; do actor cartaginés Pepe Ortas, fiel á festa desde os seus primeiros anos; e ao integrante do Senatus, Manuel Souto Salgado, por ser o membro máis veterano das 19 asociacións de recreación histórica de Lugo, demostrando que gozar da festa e dedicar tempo e esforzo ao Arde Lvcvs non depende da idade. Paula Alvarellos felicitounos por “ser exemplo para todas e todos os que amamos esta festa e sinalou que estes galardóns distinguen o seu gran compromiso ademais da súa dilatada e destacada traxectoria nas asociacións ás que pertencen”. 

Eduardo Fernández Abel foi cofundador da Cohors III Lucensium, unha das primeiras asociacións de recreación histórica do Arde Lvcvs, da que ademais é vocal da área de Cultura. A súa implicación vai moito máis aló desta festa, posto que está comprometido ao máximo coa divulgación desa cultura romana, polo que este colectivo impulsou ao longo dos anos distintas actividades paralelas ao Arde Lvcvs, como as súas Xornadas Culturais, as visitas guiadas dos colexios lucenses ao campamento para ensinar o noso pasado romano, ciclos de conferencias, ademais doutras actividades, nas que Eduardo Fernández é un dos grandes responsables dese respecto máximo e defensa da nosa historia, e pola súa adecuada recreación.  

Pola súa banda, José Antonio, Pepe, Ortas Cayuela é un actor, produtor de cine e especialista, ademais de responsable da compañía Ditirambo e leva participando no Arde Lvcvs, ben a titulo particular ou ben coa súa compañía, desde os inicios da festa. En Lugo e na festa romana e castrexa é toda unha institución e a nivel nacional destaca por moitos dos seus traballos artísticos, algúns dos cales lle serviron para ser nomeado en dúas ocasións, nos anos 2015 e 2016, aos Premios Goya na categoría de mellor actor revelación polas súas interpretacións nas cintas “Bajo un manto de estrellas” e “La espina de Dios”. 

Outro dos premios Civitas Honoris deste ano é para Manuel Souto Salgado, integrante desde o ano da fundación do Senatus en 2012 desta asociación. Pero ademais, Manuel Souto é o máis veterano das 19 asociacións de recreación histórica coas que contamos en Lugo e tamén unha referencia en implicación, demostrando que a idade non é impedimento para vivir a festa ao máximo. Sempre participa, xunto a súa muller Lola, en todas as obras de teatro do Senatus, non só do Arde Lucus senón doutras citas de recreación histórica nacionais nas que se require a presencia dos membros do Senado romano de Lugo. 

No acto de entrega destes premios, a alcaldesa de Lugo deu a benvida a Lucus Augusti á ducia de tropas estranxeiras chegadas desde varios municipios da Península Ibérica e tamén doutros puntos de Europa, que se suman ás 19 asociacións de Lugo, e que, “sen dúbida, contribúen a engrandecer o Arde Lvcvs. A súa participación nesta festa, nalgúns casos durante varias edicións, fixo posible o irmandamento con outras festas de recreación histórica que se celebran na nosa Península Ibérica, e por suposto o intercambio de experiencias que, creo, sempre é bo para seguir medrando e mellorando”.