Fondo de la web Logotipo Arde Lucus Logotipo Concello de Lugo
Listado de los idiomas
       
Lugo pon a punto o dispositivo de seguridade do Arde Lvcvs

06-06-2018

Lara Méndez e Ramón Carballo copresidiron a reunión da Xunta Local de Seguridade celebrada esta mañá no Salón de Comisións da Casa Consistorial

Durante os festexos, ademais dos turnos rotatorios da Policía Local, haberá un total de 56 reforzos. Tamén se situará unha dotación de bombeiros de maneira permanente nas proximidades da Praza Horta do Seminario, reforzando o turno con 6 efectivos

________________________________

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, copresidiron a reunión da Xunta Local de Seguridade celebrada esta mañá no Salón de Comisións da Casa Consistorial, co obxectivo de preparar e coordinar o dispositivo do Arde Lvcvs, que terá lugar entre o 15 e 17 de xuño. Nesta reunión tamén participou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, xunto con mandos da Policía Local, Autonómica e Nacional, así como de Protección Civil e Bombeiros.

No encontro establecéronse as formas e os procedementos necesarios para conseguir unha coordinación eficaz entre as distintas forzas e corpos de seguridade coa finalidade de que os diversos actos programados, máis de 350, discorran sen ningún tipo de incidente. Trátase de garantir que os e as lucenses e visitantes poidan gozar destes festexos con absoluta tranquilidade, motivo polo que é fundamental sumar esforzos e planificar este dispositivo dende a prevención, entre distintas forzas de seguridade, tal e como manifestou a Alcaldesa, Lara Méndez, ao remate da xuntanza.  

A rexedora informou de que durante a festa de recreación romano castrexa haberá, ademais dos turnos rotatorios da Policía Local, un total de 56 reforzos, que irán dende os 14 de venres aos 26 de sábado, con 16 o domingo. Así mesmo, xunto ás quendas ordinarias do servizo de Bombeiros, situarase unha dotación de maneira permanente nas proximidades da Praza Horta do Seminario, reforzando o turno de traballo con 6 efectivos.

Pola súa banda, Ramón Carballo explicou que efectivos da Policía Nacional e da Unidade Adscrita á Xunta de Galicia colaborarán co dispositivo de seguridade despregado pola Policía Local para evitar incidentes no transcurso do festexo e para previr a comisión de posibles delictos, especialmente dos que se adoitan rexistrar aproveitando as aglomeracións de persoas. Lembrou ademais que, ao manterse activo o nivel 4 de alerta terrorista, se adoptarán medidas de seguridade no entorno dos campamentos e das zonas peonís, colocando vehículos a modo de barreira.  Os axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil, pola súa banda, realizarán controis nas entradas e saídas á cidade.