Fondo de la web Logotipo Arde Lucus Logotipo Concello de Lugo
Listado de los idiomas
       
Os 18 anos do Arde Lvcvs lucen no Vello Cárcere

07-06-2019

O centro sociocultural acolle unha mostra fotográfica con material tanto do propio Concello como do achegado polas distintas asociacións de recreación histórica de Lugo, composta por ao redor de 150 fotos

A exposición fai un percorrido polo xurdir destes festexos, a elección da data, a primeira edición da festa, a súa consolidación, o asociacionismo e a consecución dos distintivos de Festa de Interese Turístico Galego e Nacional, entre outros

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua en funcións, Carmen Basadre, inaugurou este vernes a exposición sobre os 18 anos de historia viva do Arde Lvcvs, que acolle dende hoxe o primeiro andar do Vello Cárcere e ata o vindeiro mes de xullo.

Trátase dunha mostra fotográfica con material tanto do propio Concello como do achegado polas distintas asociacións de recreación histórica de Lugo, composta por ao redor de 150 fotos. Compleméntase con diversas proxeccións audiovisuais.

A exposición fai un percorrido polo xurdir destes festexos, a elección da data, a primeira edición da festa, que naceu para a xuventude e se converteu logo en apta para todos os públicos; a súa consolidación, o asociacionismo e a consecución dos distintivos de Festa de Interese Turístico Galego e Nacional; asi como á promoción en distintos medios e cidades ou aos descontos para viaxar a Lugo durante a festa festa, entre outros aspectos destes festexos, que arrincarán o vindeiro xoves 13 de xuño, ás 21:00 horas, na Ponte Romana coa entrada das lexións romanas ao mando do xeral Caio Antistio.