Fondo de la web Logotipo Arde Lucus Logotipo Concello de Lugo
Listado de los idiomas
       
Xuventude busca, durante o próximo mes, cartel anunciador para o Arde Lucus MMXX English

27-01-2020

A edil Ana González Abelleira presentaba hoxe as bases do certame que ofrecerá un premio de 1.300€ para a persoa gañadora

A Concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira, daba a coñecer esta mañá as bases que rexerán o concurso de deseño gráfico para elixir o cartel anunciador do Arde Lvcvs 2020.
 
O certame premiará con 1.300 euros á obra gañadora que será, ademais, a que anuncie a XIX edición da festa convocada para o 25, 26, 27 e 28 de xuño. O resto de carteis quedarán expostos durante un mes na Casa da Xuventude e terán difusión polas redes sociais.

Tal e como avanzou González Abelleira, “os deseños deberán reflectir o espírito da celebración, facendo especial fincapé na reconstrución histórica e a volta da cidade á época da súa fundación. Primarase a orixinalidade e tamén a incorporación dun enfoque que contribúa ao obxectivo de internacionalizar a proxección da festa”.

“As persoas interesadas terán que presentar os seus traballos, de técnica libre, en tamaño A-3 e soporte ríxido para facilitar a súa exposición, alén de adxuntar unha copia en formato dixital (JPEG ou PNG), cunha resolución de 1890x2645”.

A concelleira explicou tamén que a entrega farase en sobre pechado, incluíndo o seu lema,  sen ningunha forma de identificación e que, noutro sobre, deberá indicar por escrito o mesmo lema e os datos identificativos do autor ou autora, ademais dunha copia escaneada do DNI.

“Obrigatoriamente todos os traballos teñen que conter os seguintes compoñentes: Arde Lucus MMXX, Festa de Interese Turístico Galego e Festa de Interese Turístico Nacional, así como a páxina web www.ardelucus.com, a data de celebración – 25, 26, 27 e 28 de xuño -  e os logotipos das redes sociais oficiais dos festexos. O prazo para presentar as obras permanecerá aberto ata o 27 de febreiro, debendo entregalas na Casa da Xuventude, de 10:00 a 14:00 horas en horario de mañá, e de 16:30 a 21:30 pola tarde, ou mediante correo certificado”, aclarou González Abelleira.

As obras presentadas serán exhibidas nas redes sociais do Arde Lucus, onde se fará unha votación popular da que se seleccionarán aquelas que logo serán sometidas á votación do xurado.

“Unha vez realizada a primeira escolla, de forma on- line, seleccionaranse 20 carteis se o número total de traballos non supera os 50 e, no caso de que se houberan presentado máis de medio cento, entón elixiranse, a maiores dos 20 máis votados,  o 20% do número total de obras presentadas”, explicou a edil.

O prazo para a votación estará aberto desde as 12:00 horas do 5 de marzo ata as 12:00 horas do día 12 dese mes. Unha vez feito o reconto de votos, a selección farase pública a través das redes sociais oficiais do Arde Lucus e da propia web da festa e do Concello de Lugo www.lugo.gal

“A continuación, o venres, 13 de marzo ás 11.00 horas, na Casa da Xuventude, un xurado formado por tres persoas expertas, será o encargado de determinar a obra gañadora entre as escollidas previamente pola votación popular” – concluíu Ana González ao tempo que convidou á toda a cidadanía a participar na convocatoria para comezar a desfrutar xa da próxima edición do Arde Lucus na que agardamos aínda maior participación que nas anteriores”.

As bases completas estarán dispoñibles para todas as persoas interesadas na páxina oficial www.ardelucus.com, na web municipal www.lugo.gal, ou no teléfono de atención cidadá 010.

Descarga aquí as bases: http://ardelucus.com/uploads/folleto_bases_ardelucus_2020.pdf

Audio

  • A Concelleira de Muller, Xuventude e Igualdade, Ana González Abelleira, sobre as bases do cartel do Arde Lucus MMXX | Descargar mp3