Fondo de la web Logotipo Arde Lucus Logotipo Concello de Lugo
Listado de los idiomas
       
O Concello de Lugo e a Policía Local porán en marcha un dispositivo especial de vixilancia durante o Arde Lucus

16-06-2021

Este fin de semana se reforzarán todos os turnos e os axentes incidirán no control sobre o cumprimento das medidas e restricións impostas pola pandemia.

A alcaldesa, Lara Méndez, insta á cidadanía a “desfrutar das festas sen descoidar a saúde dos que máis queremos. Protexelos é protexernos a todos”.

O Concello de Lugo e a Policía Local non escatimarán, este Arde Lucus, esforzos nin efectivos para velar polo cumprimento das limitacións impostas pola pandemia.

Así o anunciaba a alcaldesa, Lara Méndez, logo de reunirse co Inspector Xefe, Jesús Piñeiro, para establecer o dispositivo que este Corpo porá en marcha esta fin de semana para evitar aglomeracións, especialmente, nos recintos habilitados como campamentos que se instalan para levar a cabo a recreación histórica.

“Queremos un Lugo seguro, unha cidade na que a tranquilidade sexa o factor predominante destas celebracións que, aínda sen alcanzar as cotas de participación doutros anos, nos permiten recuperar certa normalidade. Sen embargo eso non pode supoñer unha regresión dos logros acadados no que ten que ver coa contención do coronavirus. Un obxectivo conxunto, que nos compete a todos como sociedade pero ao que, dende a administración local, contribuiremos fornecendo de ferramentas suficientes para poder garantir que así sexa”, afirmou a rexedora que fixo un chamamento á veciñanza para que evite as concentracións tumultuosas.

Lara Méndez avanzou que, dende o venres e até o domingo, a Policía Local reforzará todos os turnos, xa dende primeira hora pero sinaladamente os de tarde e madrugada.

“De maneira que extremarase a vixilancia con controis de seguridade viaria, alcoholemia e drogas e as patrullas duplicaranse para garantir que se respectan as indicacións sanitarias, entre elas a obrigatoriedade de levar máscara ou os niveis de aforo, tanto na vía pública como nos establecementos”, sostivo.

A rexedora puxo o foco igualmente nas reunións ao exterior e anunciou que se intensificará a supervisión nas zonas habituais de botellón na cidade, como pode ser o Parque de Rosalía, O Carme ou o Casco Histórico.

A alcaldesa, Lara Méndez, instou á cidadanía a “desfrutar destas datas sen descoidar a saúde dos que máis queremos. Protexelos é protexernos a todos e agora que fomos quen de avanzar e acadar o levantamento dalgunhas das restricións non podemos dar un paso atrás”, concluíu ao tempo que agradeceu o esforzo e implicación da Policía Local e desexou ás e aos lucenses un feliz Arde Lucus.