A crecente dedicación do tecido asociativo por enriquecer e mellorar a calidade da festa con coidadas e fieis recreacións da vida castrexo romana é determinante no éxito da convocatoria
Entre as máis concorridas das preto de 400 actividades ofrecidas estiveron os desfiles do sábado e o domingo ou o circo, ademais da entrada de tropas na cidade e o acto de peche
A repercusión do Arde Lvcvs en redes sociais medra, superando xa os 37.000 seguidores. Facebook rexistrou máis de 163.000 interaccións coa páxina e 177.000 reproduccións de vídeo
Lugo demostrou unha vez máis que é unha cidade segura, pois a festa discorreu con normalidade aínda tendo en conta a importante afluencia de xente rexistrada
O Arde Lvcvs cumpriu neste 2019 os seus 18 anos de celebración reafirmando o seu gran poder de convocatoria, aínda coincidindo con outras importantes citas festivas en Galicia, e o seu impacto económico, non só os propios días da celebración senón durante os meses previos. A festa lucense de recreación histórica castrexo romana fixo valer o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional e atraeu á cidade a milleiros de persoas doutras provincias, comunidades autónomas e países, que gozaron dunha cita en cuxo éxito “foi determinante unha vez máis a crecente dedicación do amplo tecido asociativo por enriquecer e mellorar o festexo con coidadas e fieis recreacións da vida romano castrexa”, subliñou o Concelleiro Miguel Fernández.
Entre as máis concorridas das preto de 400 actividades ofrecidas estiveron o desfile de tropas do sábado, polo XVIII aniversario do Arde Lvcvs, cunha participación estimada superior ás 25.000 persoas, o desfile dos colexios, con máis de 12.000 persoas, o circo, a entrada de tropas na cidade e o peche do festexo, ademais do concerto do grupo alemán Corvux Corax, unha das novidades destacadas deste ano que xerou gran expectación.
O éxito do Arde Lvcvs mídese tamén polo seguimento en redes sociais, que medra e xa supera os 37.000 seguidores. En Facebook rexistrouse un alcance das publicacións de 380.000 persoas, máis de 163.000 interaccións coa páxina e máis de 177.000 reproduccións de vídeo. En Twitter acadáronse as 150.000 impresións e 4.800 visitas ao perfil e en Instagram superáronse as 4.000 visitas ao perfil e houbo 4.000 interaccións.
Outro dos datos indicativos da afluencia de xente foron as consultas e visitas aos puntos de información turística e rede de museos municipais, polos que pasaron este ano cerca de 5.200 persoas.
No Arde Lvcvs, Lugo volveu a demostrar que é unha cidade segura, pois, aínda tendo en conta a importante e continua afluencia de xente durante os tres días de celebración, a festa discorreu con normalidade, sen incidentes destacados, tal e como informou a Policía Local (ADXUNTAMOS INFORME COMPLETO).
O Concello agradece o extraordinario labor das 18 asociacións vinculadas ao Arde Lvcvs, á Policía Local, Autonómica e Nacional, Protección Civil, Bombeiros e todos os servizos municipais que traballaron na organización e celebración do evento.
Máis info
Audio