A cidade de Lugo xa ten marcada no calendario unha das súas citas máis esperadas: o Arde Lvcvs 2026 celebrarase do 18 ao 21 de xuño. Así o anunciou hoxe a área de Xuventude do Concello de Lugo, organizadora do evento, confirmando que a próxima edición será moi especial, ao cumprir 25 anos desde a súa primeira celebración.
Segundo explicou o concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, esta edición tan simbólica combinará actividades novidosas con outras de lembranza dos inicios da festa, que con case un cuarto de século de historia se consolidou como un referente nacional e internacional da recreación histórica.A elección das datas non foi casual: tivéronse en conta eventos relixiosos como o Corpus e a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, cuxas procesións coinciden en espazos estratéxicos do Arde Lvcvs.
A pesar de que a edición 2025 acaba de rematar, desde o Concello xa se traballa na próxima. “Incluso durante a celebración deste ano xurdiron ideas e propostas novas que queremos incorporar”, sinalou o edil, quen tamén salientou o papel das asociacións locais e visitantes como parte fundamental da innovación e do crecemento do evento.
Marca xa as datas no calendario e prepárate para vivir un Arde Lvcvs único e histórico do 18 ao 21 de xuño de 2026.