A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, vén de abrir a votación popular do concurso de deseño gráfico para escoller o cartel que anunciará o Arde Lvcvs 2018, co obxectivo de facer cómplice e partícipe á sociedade na elección da imaxe desta festa declarada de Interese Turístico Galego e Nacional.
As 25 obras que compiten, pódense votar dende hoxe a través do Facebook oficial destes festexos,
www.facebook.com/ardelucuslugo, ata as 12:00 horas do día 28 de febreiro. Para poder realizar a votación soamente é necesario rexistrarse cun enderezo electrónico, o que permite un reconto de votos máis seguro.
Carmen Basadre convidou a cidadanía a moverse nas redes sociais e a participar na selección da que será a imaxe que anuncie o Arde Lucus nesta edición, que se celebrará o 15, 16 e 17 de xuño.
Tal e como recollen as bases, tras esta votación popular, un xurado formado por tres persoas expertas seleccionará, entre as 10 de maior puntuación, a obra gañadora. O fallo levarase a cabo o 2 de marzo ás 11:00 horas na Casa da Xuventude. Como en edicións anteriores, o premio para o gañador ou gañadora ascende a 1.000 euros.