Fondo de la web Logotipo Arde Lucus Logotipo Concello de Lugo
Listado de los idiomas
       
O Arde Lvcvs 2025 celebrarase do 12 ao 15 de xuño

19-12-2024

A XXIV edición da festa de recreación histórica terá lugar do 12 ao 15 de xuño, cunha decisión aprobada por unanimidade das 19 asociacións implicadas.

O Goberno local busca dotar ao evento de aínda máis calidade na parte de divulgación histórica e continuar co labor divulgativo do pasado histórico da cidade. 

“O Arde Lvcvs é un exemplo de como o traballo colectivo e o compromiso poden consolidar Lugo como un referente en recreación histórica”, subliñou o concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos.

O Executivo de Paula Alvarellos anunciou que o Arde Lvcvs 2025 terá lugar do 12 ao 15 de xuño, tras unha reunión coas 19 asociacións de recreación histórica que votaron por unanimidade as datas. O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, agradeceu a implicación das agrupacións, así como o papel das compañías de teatro, que enriquecen a programación da festa: “O esforzo destes colectivos é esencial para consolidar o éxito do Arde Lvcvs e seguir avanzando cara a unha recreación histórica máis fiel e unha maior divulgación do noso pasado romano e castrexo.”

Na reunión tamén se fixo balance do Arde Lvcvs 2024, que acadou unha ocupación hoteleira do 100% e unha afluencia máxima, consolidando a cita como un dos eventos máis destacados do calendario cultural galego. Bustos destacou: “A afluencia non pode ser maior, polo que agora centramos os nosos esforzos en mellorar a calidade da programación e en facer do Arde Lvcvs unha experiencia inesquecible.”

O Arde Lvcvs foi declarado Festa de Interese Turístico Internacional en 2023, un recoñecemento que reflicte o seu impacto cultural, turístico e económico e que a posiciona como unha das grandes citas de recreación histórica a nivel global.

A festa, que cada ano converte Lugo nunha viaxe ao pasado, conta co traballo incansable das 19 asociacións de recreación histórica, fundamentais para o seu éxito. Estas agrupacións inclúen Ara Roma, Asamblearias Lucus Augusti, Caetra Lucensium, Civitas Lucensis, Clan de Breogán, Cohors III Lucensium, Garda Pretoriana, Kertix, Lucus Equites, Lucus Icenas Miliatore, Lugdunum, Mercenarios Galaicos, Pax Romana, Salesiani Luci Augusti, Senatus Lucus Augusti, Terra Copora, Tir Na n'Og, Trebas Galaicas e Vestales Lucus Augusti. Grazas a elas, Lugo logra manter vivo o espírito castrexo e romano, ofrecendo unha experiencia única que combina identidade, patrimonio e dinamización cultural.