O apoio económico destas firmas lucenses supuxo incrementar a recadación respecto a outras edicións da festa, ata acadar os 112.000 euros.
Paula Alvarellos agradeceu a implicación do tecido produtivo lucense, que “demostra o seu compromiso coa festa pero tamén coa cidade”.
A Alcaldesa eloxiou o labor dos edís Mauricio Repetto e Jorge Bustos, que traballaron nesa colaboración público-privada, que comezou coa sinatura de convenios xa en Fitur
A actual edición do Arde Lvcvs practicamente duplicou o número de empresas patrocinadoras, pasando de 14 a 26, o que supuxo tamén unha maior recadación fronte a outras edicións, ata acadar os 112.000 euros que se sumaron ao orzamento total. A Alcaldesa de Lugo mostrou o seu agradecemento a todas estas firmas polo “compromiso non só coa festa do Arde Lvcvs, senón tamén coa cidade”.
Neste sentido, Alvarellos Fondo fixo fincapé en que “algunhas das persoas responsables destas empresas xa acordaron a sinatura de convenios para apoiar economicamente ao Arde Lucvs no mes de xaneiro, no transcurso da Feira Internacional de Turismo, Fitur. Despois o goteo de convenios foi constante, e iso di moito da implicación destes empresarios e empresarias, que nos primeiros meses do ano, sen saber como vai rematar o exercicio, apostaron por esa axuda ao Concello de Lugo e a nosa festa máis internacional”.
Ademais, a Alcaldesa agradeceu “o labor realizado polos dous edís encargados de artellar o programa deste ano e coordinar a organización da festa; primeiro Mauricio Repetto, e despois, Jorge Bustos, que colleu o relevo ao fronte da Concellería de Xuventude. A ambos, grazas pola súa total dedicación a un evento que non deixou de crecer e que por iso cada ano precisa de máis traballo e entrega por parte dos concelleiros dos que depende”.
Xunto ao esforzo e dedicación da Concellería de Xuventude, Alvarellos Fondo eloxiu a todas e cada unha das empresas que apostaron deste xeito tan decidido polo Arde Lvcvs. As 26 firmas patrocinadoras nesta edición son as seguintes: Gestagua, Hijos de Rivera, Naturgy, Caixa Rural, Abanca, Transportes Valín, Cafés Candelas, Alsa, Torre de Núñez, Maderas Besteiro, Hallmann, Frisaqués, Ecolugo, BeOne, Arenal, Gadisa, Monbús, Dmanan, Construcciones Vilamide, Leche Río, As Termas, Grupo Bascuas, Calfensa, Forum Ceao, Torneiro e Tableros Hispanos.