Ángeles Novo sinala que “a caravana morada estará en Fernando de Casas Novoa e ademais este ano se estrea un punto móbil, con dous técnicos, que se moverán debidamente identificados pola festa”.
Cada un dos 19 campamentos doutras tantas asociacións funcionará como punto violeta para calquera persoa que precise de axuda, atención ou información.
En colaboración coa Área de Mobilidade, os buses urbanos pararán a demanda no portal da casa das usuarias que o soliciten, dependendo do espacio dispoñible na rúa.
A concellería de Muller do Concello de Lugo, que dirixe Ángeles Novo, porá en marcha dous puntos violeta para evitar agresións machistas durante o Arde Lvcvs, pero a diferencia de anos anteriores “amplíase o horario na súa franxa nocturna, ata ás 07.00 da mañá, para adecuarse ás horas de ocio desta festa e dar maior servizo nunha franxa horaria na que quizais é máis necesaria esta atención, que, por exemplo, na mañá ou a primeira hora da tarde”, explica Novo.
Co obxectivo de que esta edición do Arde Lvcvs sexa o máis segura posible, o Executivo de Paula Alvarellos instalará un punto violeta fixo na praza Fernando de Casas Novoa, nas inmediacións da piscina romana próxima á Fundación Abanca, que terá o seguinte horario: O xoves, de 20:00 a 07.00 horas; tanto o venres como o sábado, de 19:00 a 07.00; mentres que o domingo, prestarase atención das 19.00 ás 22.00 horas. Pero ademais, explica a edil de Muller, “outra das novidades deste ano, é que xunto ao punto violeta fixo, haberá outro móbil, formado por dous técnicos, unha psicóloga e un axente de igualdade, que estarán debidamente identificados y que moveranse polos puntos máis concorridos da festa para prestar atención en calquera momento”.
A caravana morada, pola súa parte, estará atendida por dous psicólogas especializadas en xénero, un educador social e un axente de igualdade. Estes catro técnicos serán os encargados de atender e asesorar a todas as persoas que precisen información en cuestións de xénero e violencia contra as mulleres; sobre os recursos dispoñibles a nivel local, comarcal e autonómico; e en atender ás mulleres que precisen de primeiros auxilios de baixa intensidade.
Ás actuacións activadas pola área de Muller únense as que se porán en marcha desde outras concellerías do Goberno Local, coas que se está a colaborar para garantir a máxima protección ás mulleres e seguridade nestas datas de festa. Así, a Área de Mobilidade permitirá que os autobuses urbanos paren a demanda nos portais das casas das usuarias que o soliciten, sen variar o traxecto das liñas, sempre e cando haxa espacio na rúa para deterse.
Campamentos seguros
Os campamentos das 16 asociacións de recreación histórica que participan no Arde Lvcvs xogarán tamén un papel importante na prevención de agresións machistas e na atención a posibles vítimas. De feito, funcionarán como puntos violeta nas horas nas que estes non estean abertos, como pode ser o horario de mañá e nas primeiras horas da tarde. Para saber que dinámica seguir ante a aparición de posibles situacións de violencia machista, o Goberno Local enviará a cada unha destas asociacións un protocolo de actuación, no que se lles explica qué facer ante posibles casos violencia de xénero, agresión, abuso ou acoso sexual.