Fondo de la web Logotipo Arde Lucus Logotipo Concello de Lugo
Listado de los idiomas
       
Lara Méndez: É máis necesario que nunca amosar que somos a suma daqueles que nos precederon, non a súa división

04-12-2023

A alcaldesa defendeu na entrega das Medallas de Ouro da cidade aos 19 colectivos de recreación histórica do Arde Lucus o valor do pasado como motor para acadar unha sociedade máis tolerante.

A rexedora enxalzou a achega invaluable destas asociacións na consecución do  distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional e o seu labor para proxectar a imaxe de Lugo e a súa indetidade cultural no mundo.

Os representantes das entidades romanas e castrexas agradeceron o galardón e sinalaron que todo o seu traballo pretende ilusionar á veciñanza e aos e ás visitantes para que participen nesta celebración.

A alcaldesa, Lara Méndez, destacou o pasado 30 de novembro na gala de entrega das Medallas de Ouro da cidade aos 19 colectivos de recreación histórica do Arde Lvcvs o valor do pasado cultural de Lugo como motor para acadar unha sociedade máis tolerante. “Nun momento social onde o diverso, o diferente, o mesturado, é visto de novo con desaprobación por parte daqueles que alimentan a intolerancia, é máis necesario que nunca amosar ao mundo que somos a suma daqueles que nos precederon, non a súa división”, sinalou a rexedora.

Méndez destacou durante a súa intervención que a mestura cultural que supuxo a chegada de Roma sementou o que hoxe é unha árbore identitaria que nos caracteriza como comunidade. “Que o legado que o Arde Lucus conmemora nos inspire para construír un futuro onde a solidariedade, a xustiza e a tolerancia sexan as pedras angulares da nosa sociedade. Onde o traballo conxunto gañe ás confrontacións. Porque Lugo é a máxima expresión, polo noso pasado común castrexo-romano, de que unha sociedade pode crecer en paz e harmonía pese as súas diferenzas, xa que estas non restan, senón que nos enriquecen”, proseguiu.

No seu discurso, a rexedora enxalzou a achega invaluable destas asociacións na consecución do distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional e o seu labor para proxectar a imaxe de Lugo e a súa indetidade cultural no mundo. “Grazas a esta determinación, hoxe podemos afirmar con enorme satisfacción que o Arde Lvcvs é, ademais dunha expresión cultural recoñecida internacionalmente, un importante axente dinamizador da nosa economía en continuo crecemento” apuntou a alcaldesa nunha intervención chea de recoñecementos para todas as persoas implicadas ao longo das últimas dúas décadas na organización e dinamización do Arde Lvcvs, desde o sector hostaleiro, pasando pola comunidade educativa, ata chegar aos colectivos do ámbito cultural.

“Sodes, co voso compromiso, un exemplo para o mundo e un orgullo inmenso para todos nós. Con cada xesto, con cada detalle das vosas recreacións, abrides unha enorme fiestra ao pasado que vai máis aló da simple representación histórica”, manifestou a rexedora en relación á implicación destas entidades ao longo de todo o ano para preparar este evento que hoxe pode presumir de involucrar a toda unha cidade.

Por último, Méndez apelou a necesidade de dar continuidade aos éxitos acadados para que o Arde Lucus continúe aumentando o seu recoñecemento. “Veciños e veciñas, sigamos celebrando a nosa historia xuntos, construíndo pontes entre o pasado e o presente, e asegurándonos de que as xeracións futuras tamén se mergullen no legado que tan apaixonadamente preservades e compartides”, concluíu.

Pola súa parte, os representantes dos premiados e premiadas,  José Manuel Álvarez-Yáñez Pena, en nome dos pobos castrexos, e Manuel Buján López, en nome do mundo romano, agradeceron ao Concello de Lugo a entrega do seu máximo galardón. “Sen dúbida unha distinción que recollemos con orgullo e luciremos con honra nos nosos desprazamentos polo resto de Galicia, de España e por Europa”, indicaron ao tempo que recordaron que seu traballo pretende conseguir ilusionar á veciñanza e aos e ás visitantes para que participen nesta celebración. “Debemos, entre todos, promover á cidadanía a participar da festa na rúa, a que compartan as súas vivencias e, entre todos, dar a publicidade necesaria a cidade de Lugo e ás súas xentes. Lugo ten moito que ver e ensinar e témolo que facer visíbel entre todos os lugueses”, apuntaron.

As entidades galardonadas, que aglutinan a preto dun millar de socios e socias, foron: Ara Roma; Asamblearias Lucus Augusti; Caetra Lucensium; Civitas Lucensis; Clan de Breogán; Cohors III Lucensium; Guardia Pretoriana - Cohors Lvcensium Praetoria; Kertix; Lucus Equites; Lucus Icenas Miliatore; Lugdunum; Mercenarios Galaicos; Pax Romana Lucus; Salesiani Luci Augusti; Senatus Lucus Augusti; Terra Copora; Tir Na n'Og; Trebas Galaicas; Vestales Lucus Augusti.