Fondo de la web Logotipo Arde Lucus Logotipo Concello de Lugo
Listado de los idiomas
       
19 días para a XX edición... Comeza a conta atrás para a celebración do Arde Lucus 2021

29-05-2021

A alcaldesa de Lugo e os edís de Xuventude e Desenvolvemento Local participaron este mediodía no primeiro acto dos festexos, integrado na cerimonia do Natalicio.

Até o próximo 17 de xuño un reloxo simbólico, situado na Porta de San Fernando, irá marcando o tempo de desconto para a chegada da celebración.

Este ano a programación combinará actos presenciais con outros en formato online “para que o Arde Lucus siga sendo un dinamizador económico da cidade”, destacou Mauricio Repetto.

19 días e descontando!

Ás doce desta mañá a alcaldesa de Lugo e os edís de Xuventude, Mauricio Repetto, e Desenvolvemento Local, Ana González Abelleira, iniciaban a conta atrás para o Arde Lucus.

Un acto que tivo lugar en dous escenarios. Primeiro na Praza de Santa María, onde as asociacións abandeiradas cos seus estandartes, fixeron unha pequena recreación desta parte do Natalicio e, logo, na Porta de San Fernando ata a que chegaron desfilando polas rúas do Casco Histórico, onde quedou instalado un reloxo simbólico co que se dará conta do paso dos días até o vindeiro 17 de xuño, cando arranca a XX edición dos festexos.

A rexedora, arroupada polas asociacións que acudiron caracterizadas para a ocasión, explicou que neste 2021 a recreación da Fundación de Lucus Augusti (Natalicio) non poderá desenvolverse ao completo polas limitacións que impón a Covid, “mais estas restricións non impedirán que, nunha nova ocasión, a nosa cidade sexa a referencia romana en todo o noroeste peninsular nin que no 2022 celebremos a cerimonia de forma íntegra, concentrando as enerxías destes anos pasados marcados pola pandemia”.

Ao descurso de Lara Méndez continuou o de Paulo Fabio que se reproduxo logo en varios idiomas (inglés, francés, italiano, alemán...), en prol de avanzar cara a internacionalización da festa, que xa goza da consideración de Interese Turístico Galego e Nacional.

Pola súa banda, o edil Mauricio Repetto, lembrou que, neste 2021, a programación do Arde Lucus botará man dun formato mixto que combinará actos “presenciais e seguros con outros en formato dixital. Un traballo conxunto, levado a cabo dende a área de Xuventude con todas as asociacións co obxectivo de manter vivo o espírito da festa pero sen baixar a garda ante a pandemia”, sinalou o concelleiro.

Repetto Morban sinalou que “entre o 17 e o 20 de xuño, lucenses e visitantes, terán oportunidade de retroceder no tempo e vivir o pasado romano da cidade no Macellvm, que pasará a estar ubicado no Parque Rosalía de Castro, onde se instalarán preto dunha trintena de postos de artesanía, aínda que con control de aforo na entrada”.

Entre as principais novedades desta XX edición figura a realización de varios concertos, na explanada do pavillón municipal, a elaboración dun grafitti na Rolda da Muralla e a celebración dun Armilustrium como acto final de recollida das armas. O público infantil contará, alén, coa representación musical da obra de teatro Hércules.

“A chama do Arde Lucus segue viva, desfrutemos dela, con responsabilidade, coidándonos entre todas e todos, sen renunciar a que a nosa historia, as nosas raíces, sexan tamén un motor de desenvolvemento económico para a cidade”, concluíu o edil de Xuventude.